17 de marzo de 2020

DÁLLE Á LINGUA!


Autor pictogramas: Sergio Palao Procedencia: ARASAAC (http://arasaac.org) Licencia: CC (BY-NC-SA) Propiedad: Gobierno de Aragon

Nestes días de confinamento, podemos aproveitar para facer algo que nos gusta moito a todos e a todas: darlle á lingua! Ao fin, a conversa é unha poderosa ferramenta para estimular a linguaxe de grandes e pequenos, ao tempo que compartimos un precioso tempo en familia.

Ao longo dos vindeiros días, proporei diferentes actividades e xogos de linguaxe que adoitamos realizar na aula, para que os poñades en práctica se vos apetece.

Ademais, convídovos a ler este listado de actividades que resultan beneficiosas para o desenvolvemento da linguaxe oral e escrita e para as que non fai falla ningún tipo de material.

* Para mellorar a musculatura orofacial: Facer mocas diante dun espello que impliquen diferentes movementos (pedorretas, chasquidos coa lingua, mandar bicos ao ar, facer pucheiros ou facer que temos un caramelo puxando coa lingua).

*  Para favorecer o sopro fonatorio: facer pompas de xabón, soprar velas, inflar globos, aprender a asubiar...

* Para potenciar a percepción e discriminación auditiva: escoitar os sons que nos arrodean e tentar de identificar a fonte dos mesmos; cos ollos tapados, adiviñar diferentes sons que podemos producir diante do cativo (arrugar un papel, tirar unha moeda, pechar a porta...)

* Para promover unha correcta articulación: aprender trabalinguas, cancións, rimas ou poemas que conteñan un fonema determinado.

* Para desenvolver a conciencia fonolóxica: buscar obxectos ou imaxes que comecen ou conteñan unha letra determinada, atopar palabras que rimen ou que comecen pola misma sílaba, xogar ás palabras encadeadas ou ao aforcado, deletrear palabras, contar sílabas...

* Para traballar o vocabulario: nomear obxectos ou imaxes dunha ilustración, facer listas de palabras atendendo a unha categoría (partes do corpo, prendas de vestir, alimentos, profesións, accións...), realizar sopas de letras...

* Para mellorar a estructuración morfosintáctica: completar oracións, inventar outras dada unha palabra, describir imaxes, obxectos, persoas..., formular ou responder a preguntas, buscar palabras dunha mesma familia (papel, papelería, papeleira, empapelar)...

* Outras actividades coas que favorecer a expresión e comprensión oral: lectura e análise de contos, resumir o argumento, inventar o final do mesmo ou un título alternativo, aprender cancións, adiviñas, poemas, narrar experiencias vividas, dramatizar diferentes situacións (xogar as tendas, por exemplo), contar chistes...

E por se a alguén lle sirve, déixovos un enlace de Maestros de Audición e Linguaxe onde podedes atopar unha morea de actividades de repaso que seguen a mesma liña proposta con anterioridade.

Un saudiño e moito ánimo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario